O alcalde inaugura o Complexo Ambiental Botánico de Montealegre

Big image

O Alcalde inaugura o Complexo Ambiental Botánico de Montealegre, novo pulmón verde da cidade, que pón á disposición dos veciños 122.000 metros cadrados para o coñecemento e desfrute da Natureza
- Conta con espacios didácticos e recreativos, un centro de investigación, auditorio ó aire libre, miradoiro e zonas de magostos, entre outros atractivos para veciños e visitantes da cidade
- A plantación de 3.000 árbores o converte no maior parque do Noroeste Peninsular de flora mediterránea, característica da foxa xeolóxica ourensá
- Abre as súas portas de martes a domingo e acollerá visitas didácticas de escolares e grupos
Ourense, 10 de xuño de 2011
A cidade de Ourense incorpora o seu gran pulmón verde coa entrada en servizo do Complexo Ambiental Botánico de Montealegre. O alcalde en funcións, Francisco Rodríguez, inaugurou esta mañá este novo espacio, que pón á disposición dos veciños e visitantes da cidade 122.000 metros cadrados de superficie acondicionados para o coñecemento e desfrute da Natureza.
O investimento de máis de 3 millóns de euros, entre adquisición de terreos (900.000 euros) e execución de obras (financiadas co Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade), permitiu transformar este entorno de extraordinario valor paisaxístico e natural nun gran complexo de espacios didácticos e recreativos unidos entre sí por itinerarios divulgativos, dotado cun miradoiro panorámico, un Centro de Interpretación e Investigación, un auditorio ó aire libre e zonas de magostos, entre outros atractivos ó servicio de veciños e visitantes da cidade.
O Complexo Ambiental inicia agora unha fase de transición ata xaneiro de 2012, destinada a controlar e consolidar a evolución das plantacións realizadas, tanto as de repoboación forestal como as das zonas destinadas a investigación. Abrirá as súas portas de martes a domingos (de martes a venres de 10,00 a 15,00 horas, e os sábados e domingos, de 10:30 a 18:00 horas). Os visitantes poderán desfrutar do entorno contando con itinerarios autoguiados, con pantallas táctiles nas que accederán a toda a información precisa para apreciar as singulariedades do entorno. Tamén acollerá visitas didácticas de escolares e grupos, previa solicitude na Concellería de Medio Ambiente (teléfono 988388135).
Posta en valor integral de Montealegre
O proxecto, executado pola Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Demetrio Espinosa, tivo como principal obxectivo a posta en valor integral dun espacio de 122.000 metros cadrados de superficie dotado dun extraordinario interese paisaxístico e ecolóxico que ata agora, a pesares da súa proximidade e doada conexión coa cidade, permanecera de costas ó desenvolvemento urbano.
O valor do entorno reside tanto nas cualidades ambientais como paisaxísticas, xa que se trata dun ecosistema que presenta un marcado carácter mediterráneo, un relevo con formacións graníticas peculiares e unha localización elevada que ofrece unha privilexiada vista panorámica sobre o canón do Miño e a paisaxe urbana da cidade.
A proximidade ó centro urbano fai que o espacio posúa un gran potencial para xerar unha gran zona de recreo, paseo e deporte integrada na rede de espacios verdes do Concello. O proxecto perseguiu ademáis incorporar un valor didáctico e científico coa creación dun centro de divulgación e investigación ambiental de propiedade municipal que poida ser integrado en programas científicos e divulgativos.
Restauración paisaxística
O proxecto redactado polo paisaxista José Crespí, plantexou un programa integral de restauración paisaxística dos seus elementos estructurantes, entre os que salienta a recuperación das masas de vexetación da comunidade vexetal mediterránea, a protección dos afloramentos rocosos, a recuperación dos elementos da explotación agrícola e gandeira tradicional (muros de pedra, terrazas de cultivo e áreas de magosto) e a reutilización e aproveitamento para novos usos das antigas instalacións e equipamento industrial (canteiras, minas de auga e edificios de equipamento.
Os traballos incluiron a plantación de máis de 3.000 árbores e arbustos de flora mediterránea: máis de 800 exemplares de Quercus pirenaica (carballo específico da zona pirenaica), máis de 500 de Quercus suber (sobreiras), máis de 700 érbedos, 500 acebos (illex acuifolium) e unhas 500 unidades doutras especies de arbustos (xaras, xestas, tomiños….) destas características. Esta plantación converte a Montealegre na maior superficie de bosque e sotobosque mediterráneo no Noroeste peninsular, e unha das maiores da Europa non mediterránea, ó tempo que garante a preservación de dito hábitat na zona.
Tamén se realizaron os preceptivos traballos de conservación e posta en valor da flora xa existente, moi vencellada ó clima mediterráneo continental. De feito, de 700 especies identificadas en Ourense, máis de 200 se atopan en Montealegre.

Complexo ambiental
Respecto ó funcionamento do parque, o proxecto considerou o espacio de xeito integral, coa creación dun complexo ambiental no que os espacios exteriores e as edificacións funcionan de xeito complementario e unitario, configurando un conxunto de lugares didácticos e recreativos unidos entre sí por itinerarios divulgativos. Na composición salientan dez intervencións:
1. Construción dun edificio que alberga o Centro de Divulgación e Investigación Botánico de Montealegre.
2. Construción de edificios auxiliares con funcións de servicio e equipamento
3. Urbanización dos accesos do parque e aparcamentos
4. Construción dun auditorio ó aire libre, na antiga canteira
5. Acondicionamento da área de recepción de visitantes e urbanización de accesos ó novo edificio e conexión deste coa ruta didáctica.
6. Creación dunha zona de aparcamento para 75 vehículos
7. Urbanización da rede de camiños e sendas peonís nas que se desenvolve o itinerario autoguiado
8. Construción dun miradoiro panorámico sobre o canón do río Miño, para observación da paisaxe, xunto á Cruz de Montealegre
9. Pavimentación dos camiños interiores, incluíndo as zonas destinadas a actividades populares de reunión onde se veñen desenvolvendo tradicionalmente os magostos, así como a execución de pequenas escaleiras e rampas de comunicación ás mesmas.
10. Construción do invernadeiro climático, onde se introducirán as coleccións máis didácticas, que inicialmente serán dúas: unha adicada a plantas crasas e outra de planta ornamental mediterránea.
Melloras por importe de 300.000 euros
O proxecto incluíu tamén a realización de melloras adicionais, por importe de 300.000 euros, centradas na mellora da accesibilidade, incrementando dun xeito importante a superficie de pasarelas, das instalacións do invernadeiro, restauración de minas (máis das que inicialmente estaba previsto), incorporación de novas unidades de mobiliario ó servicio dos visitantes e a instalación de equipamento dixitalizado de información, mediante paneis táctis que guiarán ós visitantes ó longo do percorrido.

Comentarios: 0Comente esta noticia

Publique un comentario




Mejoras de sistema

Noticias más vistas

Últimos comentarios